Archive Page 2

26
Jul
10

Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo

A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra organiza, un ano máis, un conxunto de actividades encamiñadas a denunciar a tortura convertida en espectáculo que constitúe a “feria taurina”, demandando tanto o cese de calquera promoción ou soporte público ás touradas, a modificación da lexislación para abolir a tauromaquia e mais a declaración da nosa cidade como “antitaurina e amiga dos animais”, considerando, ademáis, que esta mal chamada tradición non ten nada que ver coa historia e tradicións dos galegos e galegas. (Ver abaixo o manifesto da Coordenadora para mais detalles)

A actividade central desta tempada será a Manifestacion do día 31 ás 20h da tarde desde a Peregrina,  baixo o lema “A tortura non é arte nen cultura. Touradas fóra de Pontevedra” .

Este ano a manifestación non está convocada en exclusiva pola Coordenadora, se non que diversos  colectivos e organizacións da comarca serán os que convoquen de forma conxunta: Convocan: APDR , ADEGA, BRIGA, C. Ecoloxista do Salnes,
Coordenadora Antitouradas de Pontevedra, CNT , C.S Revira, Galiza Nova, Plataforma Antitouradas de Pontevedra, Nos-Up,  Os Chichisos, Protectora “Os Palleiros”, Vaipolorio, Verdegaia.

Desde a Coordenadora valoramos como fundamental o traballo coordenado e unitario de cara á erradicación da touradas, de tal modo que asumimos e facemos noso o manifesto unitario para manifestación do día 31 de xullo. (*MANIFESTO UNITARIO)

ACTIVIDADES DA COORDENADORA

VENRES 30 DE XULLO. 20H. CENTRO SOCIAL REVIRA (Gonzalo Gallas, 4)

“As touradas a debate”. Charla-coloquio con Montse Valencia (xurista de Amigos da Terra) e membros da Coordenadora
CANCELADO. Desculpade as moléstias.


SÁBADO 31 DE XULLO.

Manifestación Antitouradas baixo a lenda “A tortura non é arte nen cultura”. Touradas fóra de Pontevedra.
Praza da Peregrina. 20h.

MARTES 3 DE AGOSTO. 11h.

ROTEIRO ANTITOURADAS. Discorrerá polas diferentes institucións Públicas da cidade para entregar vía rexistro as nosas demandas. Ponto de inicio: edificio da Xunta de Galicia en Campolongo. Entregas en: Subdelegación do Goberno Estatal, Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra.

MÉRCORES 4 DE AGOSTO. 20H. Centro Social Revira (Gonzalo Gallas, 4)

Asemblea Aberta contra as Touradas. Convite a diversos colectivos e organizacións da cidade para debater as liñas de actuación e socialización de cara á erradicación das touradas.

SÁBADO 7 DE AGOSTO. 20h.

Pasa-rúas antitouradas desde a Praza da Peregrina. Ao remate  iremos até o C.S Revira onde terá lugar a clausura da xornada antitouradas do 2010.

Actividades complementares: instalación dunha mesa informativa na praza da Peregrina.

————————

MANIFESTO UNITARIO PARA O 31 DE XULLO (Descarga en pdf)

A TORTURA NON É ARTE NEN CULTURA. POLA ABOLICIÓN DAS TOURADAS.

As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento co touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11: “todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio”.

As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamiento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.

Ademáis, para os galegos e as galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que si son dignas de recuperación.

AS TOURADAS PAGÁMOLAS TODOS/AS: 564 millóns de euros de axudas públicas no 2010

As tempadas taurinas, as escolas e as gandeirías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado. Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.

Por todo isto demandamos:

1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións Públicas,

nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.

2. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.

3. O cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello.

4. A declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

MANIFESTO DA COORDENADORA ANTITOURADAS PARA A TEMPADA ANTITOURADAS 2010

Continue a ler ‘Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo’

Anúncios
05
Jan
10

“Galicia mellor sen touradas” promove mocións en 19 concellos galegos, entre eles Pontevedra

A plataforma antitouradas ‘Galicia, mellor sen touradas’ vai promover mocións nunha vintena de concellos do país para que se declaren en contra dos festexos taurinos, segundo informou este luns nun comunicado.

A asociación iniciou unha campaña baixo o lema ‘Queres que a túa cidade se declare abolicionista?’, coa que asesoran persoas e colectivos interesados en impulsar mocións nos municipios en que residen.

As iniciativas populares promoveranse nun primeiro momento nos concellos de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Narón, Noia, Ribadeo, Monforte, Redondela, Fene, Vedra, Arteixo, A Guarda, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

‘Galicia, mellor sen touradas’ sinalou que o debate aberto para a prohibición das corridas de touros en Cataluña animou a asociación a comezar a campaña “para declarar os primeiros concellos antitaurinos” no país.

Datos estatais

Neste senso, salientan que Galiza é un dos territorios do Estado con “menor afección á tauromaquia”, segundo un estudo de Gallup de 2002-2006 que reflicte que o 86% dos galegos “rexeitan ou aborrecen” as touradas.

Actualmente, a nivel estatal, hai 74 municipios antitaurinos de diferentes comunidades autónomas (Asturias, Baleares, Cataluña, Euskadi), e “desde hai máis de 16 anos a lexislación de Canarias tampouco permite espectáculo taurino ningún”.

18
Dez
09

O Parlament de Catalunya aproba debater a prohibición das touradas

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada pola plataforma Prou! (Abonda) contra as touradas en Cataluña pasou este venres o seu primeiro trámite parlamentario. O sentido do voto de 67 deputados, impúxose ao de 59 que avogaban emendar totalmente a iniciativa cidadá. Cinco parlamentarios decidiron absterse. Mentres ERC e ICV apoiaron abertamente que a ILP seguise adiante, CiU e PSC déronlle liberdade de voto aos seus representantes. PP e grupo mixto intentaron frear a proposta.

De cara a principios do vindeiro ano, o Parlament discutirá a ILP, que chegou até a cámara catalana avalada por 180 mil sinaturas. Os promotores da iniciativa piden que se reforme a Lei de Protección de Animais para que non se poidan celebrar touradas en Cataluña.

17
Out
09

Solidariedade e apoio da Coordenadora a Xulio Fernández, portavoz de “Matar por matar non”, agredido por cazadores

Desde a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra queremos solidarizarnos e amosar o noso completo apoio a Xulio Fernández, portavoz da plataforma ecoloxista amiga “Matar por matar non“, que foi en días atrás obxecto dunha malleira por parte duns cazadores desaprensivos mentres se atopaba nunha das súas propiedades. Denunciamos a actitude cobarde de quen non sabe se non expresarse coas persoas do mesmo xeito que o fai cos animais, mediante o maltrato e a violencia irracional.

Xulio é amigo e apoiante , conxuntamente con “Matar por matar non” dos antitaurinos de Pontevedra desde a nosa fundación. Desde esta humilde xanela na rede, recebe o noso mais afectuoso apoio.

Mais info. sobre a agresión en vieiros.

05
Ago
09

Nova galeria de imaxes sobre a manifestación 2009

Apresentamos unha nova galería de imaxes que recolle a exitosa manifestación antitouradas deste ano 2009.

02
Ago
09

Manifestación Histórica contra as touradas en Pontevedra

FAI CLICK NA IMAXE PARA VER O VIDEO

[blip.tv ?posts_id=2450172&dest=-1]

Desde a Coordenadora Antitouradas  queremos agradecer aos diferentes colectivos participantes, así como ao medio milleiro de persoas que secundaron a nosa mobilización, o seu apoio e compromiso activos coa causa da erradicación das touradas, superando con creces a cifra de asistentes no ano 2008 e conseguindo a maior demostración de oposición ás touradas na historia da cidade. Algúns xornais, como “La Voz de Galicia”,  nunha mostra de “profesionalidade” e “veracidade informativa”, reduciron a 40 os participantes, mentres que Xornal de Galicia sí que daba conta da cifra real de asistentes.  De todas formas, a todos e todas vós, que facedes posíbel o soño dunha Pontevedra libre do maltrato e sadismo cara os touros: grazas. (a crónica continúa despois da galería de imaxes que  podedes ver  a continuación)

Minutos antes das 19h da tarde, dúcias de persoas ían chegando á praza da Peregrina para se concentraren e saíren contra as 19:20h en manifestación polas rúas da cidade. Os diferentes colectivos despregaban as súas faixas, a meirande parte delas con motivos alusivos á degradante “festa” dos touros, mentres un gaiteiro amenizaba a mobilización xa desde o comezo. Durante o traxecto puidéronse escoitar diferentes palabras de orde, tal como: “A tortura non é festa nen cultura”, “Ilegalizar o maltrato animal”, “non son artistas, son asasinos” ,”touradas fóra da Galiza” ou “festas populares, sen atrocidades”.  A manifestación creou expectación na rúa, e numerosas persoas ían uníndose conforme avanzaba polo centro de Pontevedra. Ao finalizar deuse lectura ao manifesto (que adxuntamos liñas abaixo) e agradeceuse a participación dos colectivos e manifestantes. Na mesma tarde, tres matarifes torturaban os primeiros seis touros dos 24 que serán asasinados nestas dúas fins de semana.

Moitos dos participantes adquiriron antes do comezo os panos verdes editados pola Coordinadora Antitouradas, para subvertirmos así o significado que os pro-touradas conceden ás festas de agosto na cidade, e en particular o fenómeno das “peñas” xuvenís. A marcha percorreu o centro de Pontevedra entre consignas pola abolición da tauromaquia e en defensa dunhas festas populares e sen touradas, para rematar na mesma praza uns tres cuartos de hora despois, onde tres activistas da Coordinadora agradeceron os numerosos apoios recibidos e leron o manifesto, con reivindicacións concretas dirixidas ás institucións.

No entanto, as administracións públicas continúan a colaborar na pervivencia desta barbarie. Á mesma hora que centos de manifestantes ocupaban as rúas, destacados cargos públicos (incluidos o presidente da Xunta Núñez Feijoo, o da Deputación, Rafael Louzán e o ministro de Fomento, José Blanco, así como o Delegado do Goberno, Antón Louro) decidían ratificar publicamente o seu apoio á tortura de animais como divertimento coa súa presenza na praza de touros.

A manifestación demostra que o movimento antitouradas medra ano tras ano, ao consolidarse a oposición social a unha festa baseada no sofrimento dos animais, a pesar do maioritario silenciamento mediático, que chega ata o extremo de non aproveitar o traballo realizado polos seus reporteiros gráficos. Trátase dunha carreira de fondo que só ten un final posíbel: a erradicación desta lacra da nosa cidade. Estamos seguros de que o conseguiremos.

A continuación colamos o manifesto: Continue a ler ‘Manifestación Histórica contra as touradas en Pontevedra’

30
Jul
09

Empresarios taurinos ameazan e tentan agredir á membros da Coordinadora Antitouradas de Pontevedra

FAI CLICK NA SEGUINTE IMAXE PARA VER O VIDEO
[blip.tv ?posts_id=2440270&dest=-1]

“A tauromaquia é o malfadado e venal arte de torturar e matar animais en público. Traumatiza aos nenos e aos adultos sensibles. Agrava o estado dos neurópatas atraídos por eses espectáculos. Desnaturaliza a relación entre o home e o animal. Constitúe un desafío á moral, a educación, a ciencia, a cultura…”.

Unesco, 1980

vlcsnap-1412352Un dos numerosos actos realizados pola Coordinadora Antitouradas de Pontevedra tivo un final inesperado na mañá de hoxe, debido á agresividade dos que enchen os seus petos co sufrimento animal. A plataforma contra estes festexos precintou simbolicamente unha das portas de entrada da praza, co lema “precintado por tortura”, para anticipar unha realidade que agardamos que chegue máis cedo que tarde, e ordenada polas administracións públicas que agora amparan este cruel espectáculo.

No entanto, os empresarios taurinos agardaron a que marcharan os reporteiros gráficos para ameazar e tentar agredir aos integrantes da Coordinadora. Non se limitaron a retirar o precinto da porta entre insultos, senón que un dos presentes chegou a solicitar a outro, en claro ton ameazante, que “le acercase una escopeta”, ademais de proferir insultos orixinais como “cagones”, “portugueses” ou esixir “que habléis en español”.

vlcsnap-1413707A continuación, achegáronse violentamente contra os manifestantes e tentaron agredir ao que portaba unha videocámara, que estaba rexistrando o acto. Un dos empregados mesmo portaba un pao co que tentou golpear a un dos manifestantes.

Os empresarios das touradas non querían que ficase constancia documental da súa actitude prepotente e ofensiva, polo que advertiron ao cámara que lle ían “hinchar la cara a hostias”. Anteriormente, os empresarios xa restrinxiran o traballo dos medios de comunicación ao coñecerse as lesións que sofreu un touro cando era transportado cara ao seu lugar de martirio. Afortunadamente, a maior cordura dos contrarios á tortura animal impediu que o incidente pasase a maiores.

A responsabilidade dos irmáns Lozano

vlcsnap-1413967Na trifulca chegou a intervir Eduardo Lozano, empresario de Toledo que é o donos da praza a través da sociedade que comparte cos seus irmáns, pero non para calmar os ánimos, senon para tentar expulsar da rúa aos integrantes da Coordinadora.

Os irmáns Lozano adquiriron a praza de touros a finais dos 70, cando só se celebraba unha corrida, para recuperar unha barbarie en declive. Así, lograron aumentar os seus obscenos beneficios, en grande medida grazas ás axudas públicas, a costa da morte de máis touros segundo pasaba o tempo: 12 animais nos 80, 18 nos 90 e os 24 bóvidos asasinados cada verán desde hai algúns anos; unha triste bagaxe de máis de medio milleiro de touros mortos baixo a tortura incesante das banderillas e a espada.

Estes empresarios da tortura son mesmo repudiados no submundo da tauromaquia por numerosas irregularidades legais, débedas acumuladas e uns métodos e actitudes caracterizados pola “prepotencia e abuso de poder” (segundo os propios “matadores”), o que no seu momento levou á xustiza a anularlles a concesión da praza madrileña de Las Ventas.

vlcsnap-1413269Non resulta sorprendente en absoluto que quen considera ético lucrarse da tortura dos animais careza tamén de educación e respeto polas persoas. Carentes de empatía cun animal torturado ata a morte, carecen dela para comprender aos seus semellantes que lles reprochan tal atrocidade. En todo caso, non pensamos ceder á coacción e renunciar ás nosas liberdades de expresión, reunión e manifestación, nin temos que tolerar insultos e ameazas como as escoitadas na mañá de hoxe, motivo polo cal nos decidimos a facelos públicas. A pesar do violento intento de censura, a Coordinadora ten imaxes gravadas de todo o incidente –que son accesíbeis no noso web- polo que a súa veracidade está fora de toda dúbida.

Continúan os preparativos da mobilización

A iniciativa en prol da erradicación das touradas prosegue o seu traballo en prol da difusión social da convocatoria de mobilización, o próximo sábado 1 de agosto ás 19 horas na Praza da Peregrina. Ducias de faixas en pontos estrátexicos da cidade, centos de cartaces, e mesas informativas diarias convocan á cidadanía a expresar unha rotunda oposición a esta barbarie que quer disfarzar-se de cultura ou tradición.




Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra

A Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra ten como principal obxectivo a erradicación das touradas na cidade de Pontevedra, entendéndas como unha pseudo-tradición atávica e cruel que pretende o divertimento a partir do sufrimento, martírio e mutilación dun bóvido herbívoro como é o touro.
Froito das dinámicas unitarias vimos convocando xunto a outros colectivos da cidade as manifestacións e actos antitouradas que teñen lugar todos os anos en Pontevedra coincidindo coas touradas.
ÚNETE A NÓS SE TAMÉN QUERES REMATAR CON ESTA VERGOÑA info@pontevedraantitouradas.org

Categorías

Fotos da barbárie

Comparte e distribúe

Creative Commons License
Os contidos de "Pontevedra Antitaurina" están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 de Creative Commons.

Estatística

  • 30,325 visitas