Archive for the 'novas' Category

08
Ago
12

Convocada a manifestación antitouradas 2012

Sabado 11 de agosto ás 20 h na Praza da Peregrina manifestación antitouradas.

Convoca: Touradas fóra de Pontevedra

Apoian: ACOPO ( Asociación Coordinadora de protectoras de Pontevedra), A C Revira, Adega, Adiante, Amigos e amigas da cultura, Asociación Amigos e Amigas da Canceira de Poio, Asociación de Adopción de Cans Os Palleiros, APDR, CNT, ASPA Galicia Animal, Colectivo Ecoloxista do Salnés, CIG,Compromiso por Galicia, Causa Galiza ,Difusión Felina, Equanimal, EU-Os Verdes, Galicia Mellor Sen Touradas, Isca, Irmandade Druídica Galaica,Liga estudiantil galega, Movemento Galego ao socialismo, Nos U.P., Os Chichisos, PACMA, PCPG (Partido Comunista do Pobo Galego),Protectora A Madroa, Protectora Os Biosbardos, Protectora O Morrazo, Proyecto Gato, 15 M Pontevedra, Refugio de Cambados, Vaipolorío.

MANIFESTO DE TOURADAS FORA DE PONTE VEDRA:

As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento co touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal.
As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.

Ademais, para os galegos e as galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que si son dignas de recuperación.
Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.
As tempadas taurinas, as escolas e as ganderías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos que somos os que menos interese temos en todo o estado.
Por todo isto demandamos:
1. Ao goberno do estado que faga os cambios lexislativos necesarios para a abolición das touradas e a paralización da súa promoción e subvención con diñeiro público que en plena crise ascende a 600 millóns de euros.2. A Deputación de Pontevedra que as deixe de subvencionar directa
ou de forma encueberta (60.000 euros recoñecidos)3. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.

3. Ao Concello, o cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

A abolición das touradas non é unha utopía como demostran os exemplos de Catalunya e Canarias.

Ligazón ao evento en Facebook.

> Dossier de prensa elaborado pola APDR

Anúncios
05
Ago
10

Éxito da manifestación antitouradas´2010

FAI CLICK NA IMAXE PARA VERES O VIDEO

[blip.tv ?posts_id=3984314&dest=-1]

Máis dun milleiro de persoas participaron na mobilización celebrada o pasado sábado en Pontevedra para esixir a abolición das touradas, en coincidencia co inicio da feira taurina, que deixou un saldo de doce touros torturados no seu primeiro fin de semana. Máis un ano, o movemento antitouradas demostra que continúa a avanzar na erradicación desta lacra.

Este slideshow necessita de JavaScript.

A marcha partiu pouco despois das 20:00 da Praza da Peregrina, onde rematou unha hora despois, tras percorrer parte do casco histórico e a zona nova da cidade. A Coordinadora Antitaurina de Pontevedra, unha das entidades convocantes, portou varias faixas co significativo lema “Hoxe rexeitamos, mañá aboliremos”. A marcha foi convocada pola Coordenadora Antitouradas e mais pola APDR , ADEGA, BRIGA, C. Ecoloxista do Salnes,  CNT , C.S Revira, Galiza Nova, Plataforma Antitouradas de Pontevedra, Nos-Up,  Os Chichisos, Protectora “Os Palleiros”, Vaipolorio, Verdegaia. Participaron tamén diversos colectivos ecoloxistas , como Galicia Mellor Sen Touradas ou a protectora de Marín, entre outros.

Ao longo do percorrido, desenvolvido ao longo dunha cidade en festas -nas que as touradas só son seguidas por unha minoría- insistiuse no lema escollido para a faixa de cabeceira (A tortura nin é arte nin cultura) entre outros que pedían a supresión das touradas. Na mente de todos os participantes estaba moi presente a recente prohibición das touradas na Cataluya -agradecida expresamente en diversas consignas e pancartas- por medio da aprobación dunha ILP.

A manifestación rematou coa lectura do manifesto elaborado entre as organizacións convocantes, no que se reclama a modificación da Lei de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade (que expresamente exclúe as touradas do seu ámbito de aplicación) para abolir este espectáculo, o final das axudas públicas ás corridas ou a declaración da cidade como amiga dos animais, entre outras medidas, e anímase á sociedade a continuar as mobilizacións ata acadar estes obxectivos.

28
Jul
10

A Coordinadora Antitouradas de Pontevedra loitará para que Galiza tamén prohiba a tortura animal

A entidade celebra o “paso de xigante” que representa a aprobación da ILP no Parlament de Catalunya


A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra manifesta a súa profunda satisfacción polo éxito da Iniciativa Lexislativa Popular “Prou” -respalada por 180.000 sinaturas e aprobada hoxe no Parlament de Catalunya por 68 votos a favor, 55 en contra e 9 abstencións- que desterrará as touradas deste territorio a partir de 2012.

A medida representa un paso de xigante para o movemento antitaurino, xa que demostra a capacidade da sociedade mobilizada para deter a tortura de animais convertida en espectáculo. En realidade, a inmensa maioría da sociedade catalá -ao igual que a galega e a pontevedresa en particular- é desde hai tempo abrumadoramente contraria a este sanguento ritual convertido en negocio para uns poucos, aínda por riba subvencionados con abondosos fondos públicos. Con certeza, a decisión adoptada en Catalunya terá continuidade máis cedo que tarde noutros lugares, particulamente en Galiza: podemos afirmar que esta indignidade ten os días contados.

Neste sentido, a Coordinadora pregúntase de que serve contar cunha Lei de Protección Animal autonómica se exclúe explicitamente as touradas, xa que dificilmente podemos pensar a día de hoxe nun ataque tan cruel e público contra os animais, e aínda contra a vontade maioritaria da cidadanía (por poñer un exemplo, un estudo de Gallup reflicte que o 86% dos galegos “rexeitan ou aborrecen” as touradas).

Así, reiteramos hoxe as nosas principais demandas amparados por este interesante e proveitoso precedente, que se suma á prohibición das touradas nas Canarias en 1991: o cese inmediato de axudas ás touradas, a modificación da Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade, o cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello, a declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais” e a  reconversión da praza de touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

Por último, a Coordenadora anima a toda a sociedade a manifestarse o próximo sábado 31 ás 20:00 horas na Peregrina en protesta pola matanza anunciada de 24 touros durante as festas da cidade, e en defensa da abolición desta tortura. A manifestación está convocada por ducias de colectivos de todo tipo.

05
Jan
10

“Galicia mellor sen touradas” promove mocións en 19 concellos galegos, entre eles Pontevedra

A plataforma antitouradas ‘Galicia, mellor sen touradas’ vai promover mocións nunha vintena de concellos do país para que se declaren en contra dos festexos taurinos, segundo informou este luns nun comunicado.

A asociación iniciou unha campaña baixo o lema ‘Queres que a túa cidade se declare abolicionista?’, coa que asesoran persoas e colectivos interesados en impulsar mocións nos municipios en que residen.

As iniciativas populares promoveranse nun primeiro momento nos concellos de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Narón, Noia, Ribadeo, Monforte, Redondela, Fene, Vedra, Arteixo, A Guarda, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

‘Galicia, mellor sen touradas’ sinalou que o debate aberto para a prohibición das corridas de touros en Cataluña animou a asociación a comezar a campaña “para declarar os primeiros concellos antitaurinos” no país.

Datos estatais

Neste senso, salientan que Galiza é un dos territorios do Estado con “menor afección á tauromaquia”, segundo un estudo de Gallup de 2002-2006 que reflicte que o 86% dos galegos “rexeitan ou aborrecen” as touradas.

Actualmente, a nivel estatal, hai 74 municipios antitaurinos de diferentes comunidades autónomas (Asturias, Baleares, Cataluña, Euskadi), e “desde hai máis de 16 anos a lexislación de Canarias tampouco permite espectáculo taurino ningún”.

11
Jul
08

Estreia em Marím da obra teatral antitaurina “La Guadaña entre las flores”

“La Guadaña entre las flores” é umha obra teatral que aborda o tema das touradas. Extraída e adaptada dum poemário de Ángel Padilla, a estreia desta obra em Galiza forma parte da campanha “Galiza, melhor sem touradas”. Teatro para toda a família, baixo a direcçom de David Fernández. O 12 de Julho na biblioteca de Marím às 20:00 horas.

02
Jul
08

Concelho de Astúrias declara-se anti-taurino e amigo dos animais

A Câmara Municipal de Castrillón, em Astúrias votou a favor de declarar o município como anti-taurino e “amigo dos animais” logo de que a associaçom  ANADEL lograsse levar a pleno a proposta. Do colectivo, asseguram que seguirám a luitar para que mais concelhos ratifiquem a iniciativa animalista, mentres preparam novas campanhas e acçons de sensibilizaçom. Do concelho de Castrillón asseguram que vam levar a proposta ao governo regional de Astúrias para banir as touradas em toda a província.

A moçom nom só rejeita as touradas e a súa publicidade em espaços públicos, se nom que também limita a utilizaçom de qualquer animal em espectáculos, exibiçons ou expossiçons, ficando desta forma também banidos os circos.

É um passo importante que deveram continuar muitos outras câmaras municipais, aprovando moçons para que finalmente esta sanguenta tradiçom nom volte ter lugar de jeito impune. De Pontevedra Antitaurina luitaremos por conseguir que o Concelho de Pontevedra leve a pleno umha moçom similar.

STOP TOURADAS. POLA ABOLIÇOM DO ANALFABETISMO CULTURAL.

Vía: LaTortura

24
Jun
08

A terríbel contradición asasina

Non temos mais que ler con atención os mediocres xornais galegos para decatarnos de que día a día entran en dúcias de contradicións, as máis das veces dependendo de quen pague a información. Os “estómagos agradecidos” tratan ben a quen lle da de comer, e non dubidan un instante en tratar idénticos feitos con diferentes prismas de falsa obxectividade. As mais das veces estas mesmas contradicións son as que emanan do propio poder estabelecido, como o caso que nos ocupa:

CASO 1:


Feitos:Un veciño de Boiro cunha barra de ferro tortura e asasina o seu can.

Acción das institución/ xustiza/institucións: inícianse dilixencias xudiciais. Deteñen ao asasino.

Reacción da imprensa : condena sen paliativos dos factos. Fotos arrepiantes. Descricións tremebundas. “O suceso causou unha gran conmoción entre a veciñanza da parroquia de Belesar e tamén chegou a conmover aos axentes que actuaron nas dilixencias debido ao panorama horrible co que se atoparon ao chegar ao lugar.” “O animal presentaba unha ferida na cabeza, que estaba en carne viva, e tamén tiña as orellas cortadas.”

CASO 2

Feitos: Un profesional do sadismo, millonario, martiriza e asasina dunha estocada a un touro, nun acto cun enfervorecido público que se entusiasma co derramamento do sangue. Unha banda de música ameniza o ritual. Apláudese ao torturador e sácase a ombros do recinto do terror.

Acción das institucións/xustiza: inhibición / silencio administrativo / financiamento às ganderías taurinas / financiamento ao terror da tauromaquia / proselitismo en Bruxelas / declaracións públicas de conformidade.

Reacción da imprensa: titulares en portada apoiando a tauromaquia / panexíricos dos matadores / publicidade dos actos sádico-taurinos. “José Tomás se ha convertido en mucho más que un torero, el mejor de las últimas décadas, según los críticos. A sus 32 años, este hombre introvertido, de pocas palabras, serio, misterioso y discreto, con un halo de misticismo.”

Onde quedou a principio de proporcionalidade , a igualdade perante a lei, a lexislación en direitos dos animais, a dignidade, a coherencia? A que xoga o poder co apoio explícito da prensa-lixo?

Deixamos ao leitor que chegue ás súas proprias conclusións.

STOP O MASACRE TAURINO. GALIZA POR SEMPRE ANTITAURINA.




Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra

A Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra ten como principal obxectivo a erradicación das touradas na cidade de Pontevedra, entendéndas como unha pseudo-tradición atávica e cruel que pretende o divertimento a partir do sufrimento, martírio e mutilación dun bóvido herbívoro como é o touro.
Froito das dinámicas unitarias vimos convocando xunto a outros colectivos da cidade as manifestacións e actos antitouradas que teñen lugar todos os anos en Pontevedra coincidindo coas touradas.
ÚNETE A NÓS SE TAMÉN QUERES REMATAR CON ESTA VERGOÑA info@pontevedraantitouradas.org

Categorías

Fotos da barbárie

Comparte e distribúe

Creative Commons License
Os contidos de "Pontevedra Antitaurina" están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 de Creative Commons.

Estatística

  • 30,325 visitas