Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

Convocada a manifestación antitouradas 2011 para o 13 de agosto (e xa van 4 anos!)

Anúncios

Por cuarto ano consecutivo vai ter lugar a xa tradicional manifestación antitouradas, que baixo o lema “Touradas fóra de Pontevedra” e froito da dinámica asemblear e unitaria iniciada no ano anterior levará ás rúas da cidade a oposición á barbárie taurina e a demanda da abolición da tauromaquia. Será o sábado 13 de Agosto ás 20h con saída e remate na praza da Peregrina.

evento en facebook

A presentación pública da campaña 2011 tivo lugar o pasado1 de Agosto no local da Apdr (Asociación pola Defensa da Ría), á que acudiron numerosos medios locais. Ademais da manifestación do día 13, os membros/as da asemblea unitaria anunciamos a entrega das demandas antitaurinas ás diferentes administracións responsábeis no rexistro da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra. Será o o próximo xoves 4 de Agosto ás 11 h. Tamén se realizarán diferentes accións de denuncia que serán convocadas en próximas datas, así como a edición de folletos informativos e cartaces. (podes descargalos ao final do artigo)
Da asemblea unitaria e aberta  “Touradas fóra de Pontevedra” convídase á participación de todas e todos aqueles/as que simpaticedes coa causa. Será este mércores 3 ás 20:30h no local dos sindicatos en Pontevedra.
A continuación o manifesto 2011 e descarga de materiais:
A TORTURA NON É ARTE NEN CULTURA 
pola abolición das touradas
As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento do touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11:”todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio”.
As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define, mais tamén do que esperamos do futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.
Ademais, para os galegos e galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que sí son dignas de recuperación.
As temporadas taurinas, as escolas e as gandarías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado.
Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.
Eliminar as touradas non é unha utopía, como demostran os casos de Catalunya e de Canarias.
 Por todo isto demandamos:
1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións Públicas, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.
2. Que o Parlamento de Galiza modifique a Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade, que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.
3. O cese de uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión dos programas das festas editados polo noso Concello.
4 A Declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos animais”
5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.
—-
> Descarga aquí o cartaz a cor en pequeno / aquí en tamaño grande
> Descarga aquí o cartaz em branco e negro para imprimir en a3
> Descarga aquí o folleto preparado para imprimir en pdf.
> Descarga aquí o colante.
> Descarga aquí o banner publicitario 1
> Descarga aquí o banner publicitario 2.
Anúncios