26
Jul
10

Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo

A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra organiza, un ano máis, un conxunto de actividades encamiñadas a denunciar a tortura convertida en espectáculo que constitúe a “feria taurina”, demandando tanto o cese de calquera promoción ou soporte público ás touradas, a modificación da lexislación para abolir a tauromaquia e mais a declaración da nosa cidade como “antitaurina e amiga dos animais”, considerando, ademáis, que esta mal chamada tradición non ten nada que ver coa historia e tradicións dos galegos e galegas. (Ver abaixo o manifesto da Coordenadora para mais detalles)

A actividade central desta tempada será a Manifestacion do día 31 ás 20h da tarde desde a Peregrina,  baixo o lema “A tortura non é arte nen cultura. Touradas fóra de Pontevedra” .

Este ano a manifestación non está convocada en exclusiva pola Coordenadora, se non que diversos  colectivos e organizacións da comarca serán os que convoquen de forma conxunta: Convocan: APDR , ADEGA, BRIGA, C. Ecoloxista do Salnes,
Coordenadora Antitouradas de Pontevedra, CNT , C.S Revira, Galiza Nova, Plataforma Antitouradas de Pontevedra, Nos-Up,  Os Chichisos, Protectora “Os Palleiros”, Vaipolorio, Verdegaia.

Desde a Coordenadora valoramos como fundamental o traballo coordenado e unitario de cara á erradicación da touradas, de tal modo que asumimos e facemos noso o manifesto unitario para manifestación do día 31 de xullo. (*MANIFESTO UNITARIO)

ACTIVIDADES DA COORDENADORA

VENRES 30 DE XULLO. 20H. CENTRO SOCIAL REVIRA (Gonzalo Gallas, 4)

“As touradas a debate”. Charla-coloquio con Montse Valencia (xurista de Amigos da Terra) e membros da Coordenadora
CANCELADO. Desculpade as moléstias.


SÁBADO 31 DE XULLO.

Manifestación Antitouradas baixo a lenda “A tortura non é arte nen cultura”. Touradas fóra de Pontevedra.
Praza da Peregrina. 20h.

MARTES 3 DE AGOSTO. 11h.

ROTEIRO ANTITOURADAS. Discorrerá polas diferentes institucións Públicas da cidade para entregar vía rexistro as nosas demandas. Ponto de inicio: edificio da Xunta de Galicia en Campolongo. Entregas en: Subdelegación do Goberno Estatal, Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra.

MÉRCORES 4 DE AGOSTO. 20H. Centro Social Revira (Gonzalo Gallas, 4)

Asemblea Aberta contra as Touradas. Convite a diversos colectivos e organizacións da cidade para debater as liñas de actuación e socialización de cara á erradicación das touradas.

SÁBADO 7 DE AGOSTO. 20h.

Pasa-rúas antitouradas desde a Praza da Peregrina. Ao remate  iremos até o C.S Revira onde terá lugar a clausura da xornada antitouradas do 2010.

Actividades complementares: instalación dunha mesa informativa na praza da Peregrina.

————————

MANIFESTO UNITARIO PARA O 31 DE XULLO (Descarga en pdf)

A TORTURA NON É ARTE NEN CULTURA. POLA ABOLICIÓN DAS TOURADAS.

As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento co touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11: “todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio”.

As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamiento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.

Ademáis, para os galegos e as galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que si son dignas de recuperación.

AS TOURADAS PAGÁMOLAS TODOS/AS: 564 millóns de euros de axudas públicas no 2010

As tempadas taurinas, as escolas e as gandeirías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado. Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.

Por todo isto demandamos:

1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións Públicas,

nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.

2. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.

3. O cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello.

4. A declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

MANIFESTO DA COORDENADORA ANTITOURADAS PARA A TEMPADA ANTITOURADAS 2010

Neste ano 2010 a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra retoma a súa actividade co firme propósito de erradicar a brutalidade da tortura animal do imaxinario colectivo.

Un ano máis, nesta vila nosa, procederase á mutilación e humillación de alomenos dúas ducias de touros ante a mirada dun grupo persoas que darán satisfeitos o seus desexos máis sádicos, mais tamén ante o rexeitamento frontal de gran parte da sociedade
sensible ao sufrimento animal.

Seguimos proclamando o noso rexeitamento a tales actividades que, escudadas no falso pretexto de “interese cultural”, intentan instaurar costumes foráneos vencellados a tendencias españolarizadoras do entretemento e que contan cunha presenza marxinal na nosa cultura.

Este ano 2010 énchenos de esperanza. O camiño para a erradicación da barbarie  do martirio animal ten agora un referente que xera xurisprudencia para ilegalizar definitivamente actividades que causen un sacrificio indigno a calquera animal. O 18 de decembro de 2009 o parlamento catalán conseguiu un Si definitivo para debater o futuro das touradas en Catalunya, e a conseguinte admisión a trámite dunha Iniciativa Lexislativa Popular que abola definitivamente as touradas de Catalunya e contemple os dereitos do touro como equiparables aos de calquera animal.

A loita abolicionista en Galiza conta con históricos focos como foron a Plataforma Antitaurina Galega, a iniciativa “Galiza, mellor sen touradas” ou a loita de colectivos animalistas como a ONG Libera. Galiza tamén foi este ano o escenario do III Seminario  Internacional pola abolición da Tauromaquia. Todo isto, non fai máis que evidenciar a profunda inquedanza social ante estas actividades.

Desde a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra seguimos a denunciar:

– O trato cruel e inhumano que os touros receben no transcurso desta mal chamada festa, na cal o touro é desgarrado, mutilado e torturado até morrer, así como o maltrato animal en xeral.

– A obscena utilización de fondos públicos para o financiamento das touradas (42 euros por habitante, segundo “Libera”), a pesar de que as enquisas (Gallup 07) amosan que o 86% da poboación galega se declara indiferente perante este atavismo. No ámbito do estado español as axudas ascenden á bochornosa cantidade de 564 millóns de euros, sen contar as axudas a gandería (Datos de Libera 2010).

– As touradas como coartada para a construción da identidade española en Galiza. Ningunha identidade se pode construír en base ao sofrimento dun animal.

– A forte compoñente machista das touradas, ao exaltar a figura masculina nunha loita contra un animal mitificado na que o home sae sempre vitorioso.

– O cinismo da lexislación galega, onde as disposicións legais exclúen taxativamente as touradas do ámbito da súa acción, cando as propias leis están xustificadas por criterios éticos ou morais.

Por tanto esiximos:
1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal financiador público na nosa cidade.

2. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, encerros e demais espectáculos taurinos, para que prohíba nominalmente estas actividades.
3. A supresión das touradas como reclamo turístico por parte das Institucións Públicas, así como dos programas de festas editados polo noso Concello, ademais da declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

4. O cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

Para isto, pedimos á cidadanía que amose publicamente o seu rexeitamento ás touradas e convidamos a participar nas actividades programadas pola Coordenadora. Facemos tamén un chamamento á participación activa con nós, reforzando as nosas asembleas para que nun futuro próximo poidamos nomear unha comisión coordenadora dunha Iniciativa Lexislativa Popular que extirpe definitivamente a crueldade contra os animais doa sociedade galega.

Anúncios

3 Responses to “Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo”


  1. 1 nieves da rocha fernandez
    Julho 29, 2010 às 8:46 am

    Temos que aproveitar a iniciativa dos cataláns, pero gostariame que non se mixturara a política
    de ningun color. Somentes quero acabar con esta barbarie. Deberiamos facer una recollida de
    firmas. Contade ca miña axuda, polo serán, xa que polas mañáns traballo.

    Moito ánimo.

  2. Julho 29, 2010 às 4:02 pm

    Apoiamos esta loita. Contade tamén con nós
    Contra a barbárie e impostura das tradicións alheas e sanguinarias que nos queren impor como “património da humanidade” (Rajoi dixit..)
    Nunca máis touradas!
    Saúdos fraternais


Deixe uma Resposta para nieves da rocha fernandez Cancelar resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s


Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra

A Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra ten como principal obxectivo a erradicación das touradas na cidade de Pontevedra, entendéndas como unha pseudo-tradición atávica e cruel que pretende o divertimento a partir do sufrimento, martírio e mutilación dun bóvido herbívoro como é o touro.
Froito das dinámicas unitarias vimos convocando xunto a outros colectivos da cidade as manifestacións e actos antitouradas que teñen lugar todos os anos en Pontevedra coincidindo coas touradas.
ÚNETE A NÓS SE TAMÉN QUERES REMATAR CON ESTA VERGOÑA info@pontevedraantitouradas.org

Categorías

Fotos da barbárie

Comparte e distribúe

Creative Commons License
Os contidos de "Pontevedra Antitaurina" están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 de Creative Commons.

Estatística

  • 30,328 visitas

%d bloggers like this: