Arquivo de Julho, 2010

28
Jul
10

A Coordinadora Antitouradas de Pontevedra loitará para que Galiza tamén prohiba a tortura animal

A entidade celebra o “paso de xigante” que representa a aprobación da ILP no Parlament de Catalunya


A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra manifesta a súa profunda satisfacción polo éxito da Iniciativa Lexislativa Popular “Prou” -respalada por 180.000 sinaturas e aprobada hoxe no Parlament de Catalunya por 68 votos a favor, 55 en contra e 9 abstencións- que desterrará as touradas deste territorio a partir de 2012.

A medida representa un paso de xigante para o movemento antitaurino, xa que demostra a capacidade da sociedade mobilizada para deter a tortura de animais convertida en espectáculo. En realidade, a inmensa maioría da sociedade catalá -ao igual que a galega e a pontevedresa en particular- é desde hai tempo abrumadoramente contraria a este sanguento ritual convertido en negocio para uns poucos, aínda por riba subvencionados con abondosos fondos públicos. Con certeza, a decisión adoptada en Catalunya terá continuidade máis cedo que tarde noutros lugares, particulamente en Galiza: podemos afirmar que esta indignidade ten os días contados.

Neste sentido, a Coordinadora pregúntase de que serve contar cunha Lei de Protección Animal autonómica se exclúe explicitamente as touradas, xa que dificilmente podemos pensar a día de hoxe nun ataque tan cruel e público contra os animais, e aínda contra a vontade maioritaria da cidadanía (por poñer un exemplo, un estudo de Gallup reflicte que o 86% dos galegos “rexeitan ou aborrecen” as touradas).

Así, reiteramos hoxe as nosas principais demandas amparados por este interesante e proveitoso precedente, que se suma á prohibición das touradas nas Canarias en 1991: o cese inmediato de axudas ás touradas, a modificación da Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade, o cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello, a declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais” e a  reconversión da praza de touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

Por último, a Coordenadora anima a toda a sociedade a manifestarse o próximo sábado 31 ás 20:00 horas na Peregrina en protesta pola matanza anunciada de 24 touros durante as festas da cidade, e en defensa da abolición desta tortura. A manifestación está convocada por ducias de colectivos de todo tipo.

Anúncios
26
Jul
10

Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo

A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra organiza, un ano máis, un conxunto de actividades encamiñadas a denunciar a tortura convertida en espectáculo que constitúe a “feria taurina”, demandando tanto o cese de calquera promoción ou soporte público ás touradas, a modificación da lexislación para abolir a tauromaquia e mais a declaración da nosa cidade como “antitaurina e amiga dos animais”, considerando, ademáis, que esta mal chamada tradición non ten nada que ver coa historia e tradicións dos galegos e galegas. (Ver abaixo o manifesto da Coordenadora para mais detalles)

A actividade central desta tempada será a Manifestacion do día 31 ás 20h da tarde desde a Peregrina,  baixo o lema “A tortura non é arte nen cultura. Touradas fóra de Pontevedra” .

Este ano a manifestación non está convocada en exclusiva pola Coordenadora, se non que diversos  colectivos e organizacións da comarca serán os que convoquen de forma conxunta: Convocan: APDR , ADEGA, BRIGA, C. Ecoloxista do Salnes,
Coordenadora Antitouradas de Pontevedra, CNT , C.S Revira, Galiza Nova, Plataforma Antitouradas de Pontevedra, Nos-Up,  Os Chichisos, Protectora “Os Palleiros”, Vaipolorio, Verdegaia.

Desde a Coordenadora valoramos como fundamental o traballo coordenado e unitario de cara á erradicación da touradas, de tal modo que asumimos e facemos noso o manifesto unitario para manifestación do día 31 de xullo. (*MANIFESTO UNITARIO)

ACTIVIDADES DA COORDENADORA

VENRES 30 DE XULLO. 20H. CENTRO SOCIAL REVIRA (Gonzalo Gallas, 4)

“As touradas a debate”. Charla-coloquio con Montse Valencia (xurista de Amigos da Terra) e membros da Coordenadora
CANCELADO. Desculpade as moléstias.


SÁBADO 31 DE XULLO.

Manifestación Antitouradas baixo a lenda “A tortura non é arte nen cultura”. Touradas fóra de Pontevedra.
Praza da Peregrina. 20h.

MARTES 3 DE AGOSTO. 11h.

ROTEIRO ANTITOURADAS. Discorrerá polas diferentes institucións Públicas da cidade para entregar vía rexistro as nosas demandas. Ponto de inicio: edificio da Xunta de Galicia en Campolongo. Entregas en: Subdelegación do Goberno Estatal, Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra.

MÉRCORES 4 DE AGOSTO. 20H. Centro Social Revira (Gonzalo Gallas, 4)

Asemblea Aberta contra as Touradas. Convite a diversos colectivos e organizacións da cidade para debater as liñas de actuación e socialización de cara á erradicación das touradas.

SÁBADO 7 DE AGOSTO. 20h.

Pasa-rúas antitouradas desde a Praza da Peregrina. Ao remate  iremos até o C.S Revira onde terá lugar a clausura da xornada antitouradas do 2010.

Actividades complementares: instalación dunha mesa informativa na praza da Peregrina.

————————

MANIFESTO UNITARIO PARA O 31 DE XULLO (Descarga en pdf)

A TORTURA NON É ARTE NEN CULTURA. POLA ABOLICIÓN DAS TOURADAS.

As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento co touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal. Segundo a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, artigo 11: “todo acto que implique a morte dun animal sen necesidade é un biocidio”.

As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamiento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.

Ademáis, para os galegos e as galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que si son dignas de recuperación.

AS TOURADAS PAGÁMOLAS TODOS/AS: 564 millóns de euros de axudas públicas no 2010

As tempadas taurinas, as escolas e as gandeirías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos, que somos os que menos interese temos nas touradas en todo o Estado. Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.

Por todo isto demandamos:

1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións Públicas,

nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.

2. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.

3. O cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello.

4. A declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

MANIFESTO DA COORDENADORA ANTITOURADAS PARA A TEMPADA ANTITOURADAS 2010

Continue a ler ‘Manifestación contra as touradas 2010: sábado 31 de xullo’




Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra

A Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra ten como principal obxectivo a erradicación das touradas na cidade de Pontevedra, entendéndas como unha pseudo-tradición atávica e cruel que pretende o divertimento a partir do sufrimento, martírio e mutilación dun bóvido herbívoro como é o touro.
Froito das dinámicas unitarias vimos convocando xunto a outros colectivos da cidade as manifestacións e actos antitouradas que teñen lugar todos os anos en Pontevedra coincidindo coas touradas.
ÚNETE A NÓS SE TAMÉN QUERES REMATAR CON ESTA VERGOÑA info@pontevedraantitouradas.org

Categorías

Fotos da barbárie

Comparte e distribúe

Creative Commons License
Os contidos de "Pontevedra Antitaurina" están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 de Creative Commons.

Estatística

  • 30,325 visitas