02
Ago
09

Manifestación Histórica contra as touradas en Pontevedra

FAI CLICK NA IMAXE PARA VER O VIDEO

[blip.tv ?posts_id=2450172&dest=-1]

Desde a Coordenadora Antitouradas  queremos agradecer aos diferentes colectivos participantes, así como ao medio milleiro de persoas que secundaron a nosa mobilización, o seu apoio e compromiso activos coa causa da erradicación das touradas, superando con creces a cifra de asistentes no ano 2008 e conseguindo a maior demostración de oposición ás touradas na historia da cidade. Algúns xornais, como “La Voz de Galicia”,  nunha mostra de “profesionalidade” e “veracidade informativa”, reduciron a 40 os participantes, mentres que Xornal de Galicia sí que daba conta da cifra real de asistentes.  De todas formas, a todos e todas vós, que facedes posíbel o soño dunha Pontevedra libre do maltrato e sadismo cara os touros: grazas. (a crónica continúa despois da galería de imaxes que  podedes ver  a continuación)

Minutos antes das 19h da tarde, dúcias de persoas ían chegando á praza da Peregrina para se concentraren e saíren contra as 19:20h en manifestación polas rúas da cidade. Os diferentes colectivos despregaban as súas faixas, a meirande parte delas con motivos alusivos á degradante “festa” dos touros, mentres un gaiteiro amenizaba a mobilización xa desde o comezo. Durante o traxecto puidéronse escoitar diferentes palabras de orde, tal como: “A tortura non é festa nen cultura”, “Ilegalizar o maltrato animal”, “non son artistas, son asasinos” ,”touradas fóra da Galiza” ou “festas populares, sen atrocidades”.  A manifestación creou expectación na rúa, e numerosas persoas ían uníndose conforme avanzaba polo centro de Pontevedra. Ao finalizar deuse lectura ao manifesto (que adxuntamos liñas abaixo) e agradeceuse a participación dos colectivos e manifestantes. Na mesma tarde, tres matarifes torturaban os primeiros seis touros dos 24 que serán asasinados nestas dúas fins de semana.

Moitos dos participantes adquiriron antes do comezo os panos verdes editados pola Coordinadora Antitouradas, para subvertirmos así o significado que os pro-touradas conceden ás festas de agosto na cidade, e en particular o fenómeno das “peñas” xuvenís. A marcha percorreu o centro de Pontevedra entre consignas pola abolición da tauromaquia e en defensa dunhas festas populares e sen touradas, para rematar na mesma praza uns tres cuartos de hora despois, onde tres activistas da Coordinadora agradeceron os numerosos apoios recibidos e leron o manifesto, con reivindicacións concretas dirixidas ás institucións.

No entanto, as administracións públicas continúan a colaborar na pervivencia desta barbarie. Á mesma hora que centos de manifestantes ocupaban as rúas, destacados cargos públicos (incluidos o presidente da Xunta Núñez Feijoo, o da Deputación, Rafael Louzán e o ministro de Fomento, José Blanco, así como o Delegado do Goberno, Antón Louro) decidían ratificar publicamente o seu apoio á tortura de animais como divertimento coa súa presenza na praza de touros.

A manifestación demostra que o movimento antitouradas medra ano tras ano, ao consolidarse a oposición social a unha festa baseada no sofrimento dos animais, a pesar do maioritario silenciamento mediático, que chega ata o extremo de non aproveitar o traballo realizado polos seus reporteiros gráficos. Trátase dunha carreira de fondo que só ten un final posíbel: a erradicación desta lacra da nosa cidade. Estamos seguros de que o conseguiremos.

A continuación colamos o manifesto:

MANIFESTO DA COORDENADORA ANTITOURADAS DE PONTEVEDRA

Hoxe en día, mais do que nunca, a sensibilidade perante o maltrato animal debería formar parte do noso ideario colectivo. As touradas representan o paradigma máis cínico deste sofrimento, elevando a nivel de espectáculo a crueldade especista.

Na nosa cidade, nestas dúas fins de semana, serán masacrados vintecatro touros co disfrute dalgúns, a pasividade doutros e o rexeitamento de gran parte da sociedade. As touradas en Galiza contan cunha presenza decadente e unha curta historia, sendo apoiadas por algúns dos sectores mais reaccionarios , e promovidas por empresarios sen escrúpulos, como é o caso dos irmáns Lozano na nosa cidade.

Desde a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra recollemos o legado doutros focos de loita antitaurina en Galiza que xurdiran nos últimos tempos, como foi a Plataforma Antitaurina Galega e mais recentemente a iniciativa “Galicia Mellor sen Touradas”, e denunciamos:

– O trato cruel e inhumano que os touros receben no transcurso desta mal chamada festa, na cal o touro é desgarrado, mutilado e torturado até morrer, así como o maltrato animal en xeral.

– A obscena utilización de fondos públicos para o financiamento das touradas (42 euros por habitante, segundo “Libera”), a pesar de que as enquisas (Gallup 07) amosan que o 86% da poboación galega se declara indiferente perante este atavismo.

– As touradas como coartada para a construcción da identidade española en Galiza. Nengunha identidade se pode construír en base ao sofrimento dun animal.

– A forte componente machista das touradas, ao exaltar a figura masculina nunha loita contra un animal mitificado na que o home sae sempre vitorioso.

– O cinismo das Leis españolas e galegas, onde as disposicións legais exclúen taxativamente as touradas do ámbito da súa acción, cando as propias leis están xustificadas por criterios éticos ou morais.

Por tanto, demandamos:

1. O cese inmediato de axudas encobertas ás touradas por parte de todas as Institucións, nomeadamente a Deputación de Pontevedra, principal soporte público na nosa cidade.

2. Que a Xunta de Galiza aprobe unha “Lei de Protección Animal” que proíba as touradas e espectáculos onde se torture ou mate animais.

3. A supresión das touradas como reclamo turístico por parte das Institucións Públicas, así como dos programas de festas editados polo noso Concello, ademais da declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

4. O uso de espazos públicos para a promoción das touradas.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos, así como a eliminación de toda a simboloxía taurina presente na cidade.

Desde a nosa Coordenadora solicitamos ás peñas responsabilidade e reflexión perante o uso do maltrato e a barbarie como motivo de celebración.

Por isto, chamamos á cidadanía a amosar publicamente o seu rexeitamento ás touradas e convidamos a participar nas actividades programadas pola Coordenadora, entre as cais queremos convidarvos expresamente ao Encierro antitaurino que terá lugar o mércores 5 ás 8 horas da tarde entre as prazas de San Xosé e a Peregrina. Non esquezades traer as pañoletas antitouradas!

Finalmente , dámosvos as grazas pola vosa participación na mobilización de hoxe. Pasamos a ler a  listaxe de apoiantes da convocatoria:

A plataforma “Galicia Mellor sen Touradas“, que aglutina 20 colectivos, a asociación animalista “Matar por Matar Non” , a protectora “Os Palleiros“, a asociación animalista “Libera“, o PACMA (Partido Antitaurino contra o maltrato animal), Verdegaia, a ONG Amarante,  Amigos da Terra, Isca! , Assembleia da Mocidade Independentista,  Acçom Antifascista, Galiza Nova , a A.C Revira , a LNB (Liga Nacional de Billarda) a  A.C. Almuinha de Marín, así como o colectivo de Sarria e Lugo que organizou a manifestación antitouradas en Outarela hai un mes, os voluntarios do Refuxio de Animais Abandonados de Ponteareas – Colectivoanimal (Asociación Protectora Sen Fronteiras), Asociación Protectora Moura, e tamén nos envía o seu apoio o “Colectivo Andaluz contra el maltrato animal”.

Pola fin das touradas da nosa cidade!



Anúncios

Deixe uma Resposta para Isabel Cancelar resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s


Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra

A Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra ten como principal obxectivo a erradicación das touradas na cidade de Pontevedra, entendéndas como unha pseudo-tradición atávica e cruel que pretende o divertimento a partir do sufrimento, martírio e mutilación dun bóvido herbívoro como é o touro.
Froito das dinámicas unitarias vimos convocando xunto a outros colectivos da cidade as manifestacións e actos antitouradas que teñen lugar todos os anos en Pontevedra coincidindo coas touradas.
ÚNETE A NÓS SE TAMÉN QUERES REMATAR CON ESTA VERGOÑA info@pontevedraantitouradas.org

Categorías

Fotos da barbárie

Comparte e distribúe

Creative Commons License
Os contidos de "Pontevedra Antitaurina" están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 de Creative Commons.

Estatística

  • 30,328 visitas

%d bloggers like this: