Arquivo de Agosto, 2009

05
Ago
09

Nova galeria de imaxes sobre a manifestación 2009

Apresentamos unha nova galería de imaxes que recolle a exitosa manifestación antitouradas deste ano 2009.

Anúncios
02
Ago
09

Manifestación Histórica contra as touradas en Pontevedra

FAI CLICK NA IMAXE PARA VER O VIDEO

[blip.tv ?posts_id=2450172&dest=-1]

Desde a Coordenadora Antitouradas  queremos agradecer aos diferentes colectivos participantes, así como ao medio milleiro de persoas que secundaron a nosa mobilización, o seu apoio e compromiso activos coa causa da erradicación das touradas, superando con creces a cifra de asistentes no ano 2008 e conseguindo a maior demostración de oposición ás touradas na historia da cidade. Algúns xornais, como “La Voz de Galicia”,  nunha mostra de “profesionalidade” e “veracidade informativa”, reduciron a 40 os participantes, mentres que Xornal de Galicia sí que daba conta da cifra real de asistentes.  De todas formas, a todos e todas vós, que facedes posíbel o soño dunha Pontevedra libre do maltrato e sadismo cara os touros: grazas. (a crónica continúa despois da galería de imaxes que  podedes ver  a continuación)

Minutos antes das 19h da tarde, dúcias de persoas ían chegando á praza da Peregrina para se concentraren e saíren contra as 19:20h en manifestación polas rúas da cidade. Os diferentes colectivos despregaban as súas faixas, a meirande parte delas con motivos alusivos á degradante “festa” dos touros, mentres un gaiteiro amenizaba a mobilización xa desde o comezo. Durante o traxecto puidéronse escoitar diferentes palabras de orde, tal como: “A tortura non é festa nen cultura”, “Ilegalizar o maltrato animal”, “non son artistas, son asasinos” ,”touradas fóra da Galiza” ou “festas populares, sen atrocidades”.  A manifestación creou expectación na rúa, e numerosas persoas ían uníndose conforme avanzaba polo centro de Pontevedra. Ao finalizar deuse lectura ao manifesto (que adxuntamos liñas abaixo) e agradeceuse a participación dos colectivos e manifestantes. Na mesma tarde, tres matarifes torturaban os primeiros seis touros dos 24 que serán asasinados nestas dúas fins de semana.

Moitos dos participantes adquiriron antes do comezo os panos verdes editados pola Coordinadora Antitouradas, para subvertirmos así o significado que os pro-touradas conceden ás festas de agosto na cidade, e en particular o fenómeno das “peñas” xuvenís. A marcha percorreu o centro de Pontevedra entre consignas pola abolición da tauromaquia e en defensa dunhas festas populares e sen touradas, para rematar na mesma praza uns tres cuartos de hora despois, onde tres activistas da Coordinadora agradeceron os numerosos apoios recibidos e leron o manifesto, con reivindicacións concretas dirixidas ás institucións.

No entanto, as administracións públicas continúan a colaborar na pervivencia desta barbarie. Á mesma hora que centos de manifestantes ocupaban as rúas, destacados cargos públicos (incluidos o presidente da Xunta Núñez Feijoo, o da Deputación, Rafael Louzán e o ministro de Fomento, José Blanco, así como o Delegado do Goberno, Antón Louro) decidían ratificar publicamente o seu apoio á tortura de animais como divertimento coa súa presenza na praza de touros.

A manifestación demostra que o movimento antitouradas medra ano tras ano, ao consolidarse a oposición social a unha festa baseada no sofrimento dos animais, a pesar do maioritario silenciamento mediático, que chega ata o extremo de non aproveitar o traballo realizado polos seus reporteiros gráficos. Trátase dunha carreira de fondo que só ten un final posíbel: a erradicación desta lacra da nosa cidade. Estamos seguros de que o conseguiremos.

A continuación colamos o manifesto: Continue a ler ‘Manifestación Histórica contra as touradas en Pontevedra’




Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra

A Coordenadora Antitouradas de Ponte Vedra ten como principal obxectivo a erradicación das touradas na cidade de Pontevedra, entendéndas como unha pseudo-tradición atávica e cruel que pretende o divertimento a partir do sufrimento, martírio e mutilación dun bóvido herbívoro como é o touro.
Froito das dinámicas unitarias vimos convocando xunto a outros colectivos da cidade as manifestacións e actos antitouradas que teñen lugar todos os anos en Pontevedra coincidindo coas touradas.
ÚNETE A NÓS SE TAMÉN QUERES REMATAR CON ESTA VERGOÑA info@pontevedraantitouradas.org

Categorías

Fotos da barbárie

Comparte e distribúe

Creative Commons License
Os contidos de "Pontevedra Antitaurina" están baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 de Creative Commons.

Estatística

  • 30,325 visitas