Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

Empresarios taurinos ameazan e tentan agredir á membros da Coordinadora Antitouradas de Pontevedra

Anúncios

FAI CLICK NA SEGUINTE IMAXE PARA VER O VIDEO
[blip.tv ?posts_id=2440270&dest=-1]

“A tauromaquia é o malfadado e venal arte de torturar e matar animais en público. Traumatiza aos nenos e aos adultos sensibles. Agrava o estado dos neurópatas atraídos por eses espectáculos. Desnaturaliza a relación entre o home e o animal. Constitúe un desafío á moral, a educación, a ciencia, a cultura…”.

Unesco, 1980

Un dos numerosos actos realizados pola Coordinadora Antitouradas de Pontevedra tivo un final inesperado na mañá de hoxe, debido á agresividade dos que enchen os seus petos co sufrimento animal. A plataforma contra estes festexos precintou simbolicamente unha das portas de entrada da praza, co lema “precintado por tortura”, para anticipar unha realidade que agardamos que chegue máis cedo que tarde, e ordenada polas administracións públicas que agora amparan este cruel espectáculo.

No entanto, os empresarios taurinos agardaron a que marcharan os reporteiros gráficos para ameazar e tentar agredir aos integrantes da Coordinadora. Non se limitaron a retirar o precinto da porta entre insultos, senón que un dos presentes chegou a solicitar a outro, en claro ton ameazante, que “le acercase una escopeta”, ademais de proferir insultos orixinais como “cagones”, “portugueses” ou esixir “que habléis en español”.

A continuación, achegáronse violentamente contra os manifestantes e tentaron agredir ao que portaba unha videocámara, que estaba rexistrando o acto. Un dos empregados mesmo portaba un pao co que tentou golpear a un dos manifestantes.

Os empresarios das touradas non querían que ficase constancia documental da súa actitude prepotente e ofensiva, polo que advertiron ao cámara que lle ían “hinchar la cara a hostias”. Anteriormente, os empresarios xa restrinxiran o traballo dos medios de comunicación ao coñecerse as lesións que sofreu un touro cando era transportado cara ao seu lugar de martirio. Afortunadamente, a maior cordura dos contrarios á tortura animal impediu que o incidente pasase a maiores.

A responsabilidade dos irmáns Lozano

Na trifulca chegou a intervir Eduardo Lozano, empresario de Toledo que é o donos da praza a través da sociedade que comparte cos seus irmáns, pero non para calmar os ánimos, senon para tentar expulsar da rúa aos integrantes da Coordinadora.

Os irmáns Lozano adquiriron a praza de touros a finais dos 70, cando só se celebraba unha corrida, para recuperar unha barbarie en declive. Así, lograron aumentar os seus obscenos beneficios, en grande medida grazas ás axudas públicas, a costa da morte de máis touros segundo pasaba o tempo: 12 animais nos 80, 18 nos 90 e os 24 bóvidos asasinados cada verán desde hai algúns anos; unha triste bagaxe de máis de medio milleiro de touros mortos baixo a tortura incesante das banderillas e a espada.

Estes empresarios da tortura son mesmo repudiados no submundo da tauromaquia por numerosas irregularidades legais, débedas acumuladas e uns métodos e actitudes caracterizados pola “prepotencia e abuso de poder” (segundo os propios “matadores”), o que no seu momento levou á xustiza a anularlles a concesión da praza madrileña de Las Ventas.

Non resulta sorprendente en absoluto que quen considera ético lucrarse da tortura dos animais careza tamén de educación e respeto polas persoas. Carentes de empatía cun animal torturado ata a morte, carecen dela para comprender aos seus semellantes que lles reprochan tal atrocidade. En todo caso, non pensamos ceder á coacción e renunciar ás nosas liberdades de expresión, reunión e manifestación, nin temos que tolerar insultos e ameazas como as escoitadas na mañá de hoxe, motivo polo cal nos decidimos a facelos públicas. A pesar do violento intento de censura, a Coordinadora ten imaxes gravadas de todo o incidente –que son accesíbeis no noso web- polo que a súa veracidade está fora de toda dúbida.

Continúan os preparativos da mobilización

A iniciativa en prol da erradicación das touradas prosegue o seu traballo en prol da difusión social da convocatoria de mobilización, o próximo sábado 1 de agosto ás 19 horas na Praza da Peregrina. Ducias de faixas en pontos estrátexicos da cidade, centos de cartaces, e mesas informativas diarias convocan á cidadanía a expresar unha rotunda oposición a esta barbarie que quer disfarzar-se de cultura ou tradición.

Anúncios