Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

Roteiro Antitouradas – A coordenadora reivindica a fin das touradas perante as institucións

Anúncios

[blip.tv ?posts_id=2436135&dest=-1]

A Coordinadora contra as Touradas de Pontevedra organizou un roteiro reivindicativo que percorreu as principais institucións públicas que teñen responsabilidades, dun ou doutro xeito, na pervivencia deste espectáculo de tortura animal na nosa cidade. A actividade serve de preludio á manifestación convocada este sábado ás 7 da tarde (desde a Peregrina), na que se agarda a presenza de centos de persoas, fartas desta “tradición” que nada ten a ver nin coa arte nin coa cultura.
A xornada comezou na delegación da Xunta de Galiza en Campolongo, onde se entregou un escrito no que se esixía a promulgación dunha lei de protección animal que inclúa especificamente as touradas entre as práticas prohibidas.

Acompañados en todo momento dunha faixa co lema “Touradas fora de Pontevedra”, a ducia de persoas participantes na iniciativa dirixíronse cara o Concello, onde se reclamou unha declaración de “Cidade Antitouradas” e amiga dos animais, a supresión do evento do programa de festas e a retirada do espazo público da propaganda que incite á matanza de touros.

Faltaban aínda no percorrido a Subdelegación do Goberno e a Deputación de Pontevedra. A ambas institucións reclamámoslles que deixen de subvencionar as touradas ou asociacións que promovan o maltrato animal con fondos públicos.

Por último, achegámonos ata a praza de touros. A Coordinadora reclama a súa reconversión nun coliseu para actos culturais, no momento en que nos libremos desta vergoña, cando as touradas pasen a formar parte dun pasado negro xa superado.

Nestes días, a Coordenadora continúa a pegada masiva de cartaces anunciando a manifestación e segue a instalar en horario de mañá e de tarde a súa mesa informativa na Praza da Peregrina, tendo de momento unha moi boa acollida entre a cidadanía a recollida de sinaturas e visualizando a actividade do noso colectivo. E recordade, o día 1 às 19h na Peregrina, Manifestación Antitouradas en Pontevedra!!

Anúncios