Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

O concello de Pontevedra promociona as touradas para as festas locais

Anúncios

Desde a Plataforma Pontevedra Antitaurina queremos denunciar publicamente a promoción que a Cámara Municipal está a facer do masacre taurino cos cartos de todos os contribuíntes.  Na apresentación das “Festas do Verán” que fixo o pasado 10 de Xullo apresentouse un programa de festas onde conviven campamentos xuvenís e concertos de Jazz coas touradas,  o que nos leva a criticar a colaboración do concello coa empresa responsábel da celebración das touradas dando cobertura publicitaria.

A información da que dipoñíamos até o momento é a de que o Concello interrompera o financiamento e axudas públicas ás touradas respeito a executivos anteriores, que de facto mercaban grandes cantidades de entradas para repartir á cidadanía. O cese de axudas directas supuxera a mobilización de peñas taurinas, que acusaran ao goberno municipal de “boicote” e mesmo seguen a día de hoxe a cuestionar a imposibilidade de colocar barras nas rúas e outras limitacións de horario que non se dan durante a Feira Franca e sí durante “peñas”. Desde entón, é a Deputación Provincial quen dá cobertura institucional ás touradas, de forma directa ou indirecta, como as axudas á coordinadora de peñas taurinas, sufragamento de viaxes, financiamento de chiringuitos e bandas musicais e incluso os coxíns para os asistentes ao masacre taurino. Neste sentido, esiximos que nas próximas convocatorias de axudas da Deputación se inclúa un epígrafe específico para impedir a consecución destas por parte de colectivos que propugnen o maltrato animal. No entanto, o goberno municipal, que se limita a arrendar a praza varias veces por ano para concertos e actos culturais é necesário que tamén interrompa esta vía de colaboración, xa que temos suficientes espazos para a realizacion de concertos e actividades culturais na nosa cidade.

Dunha cámara municipal gobernada varias lexislaturas por unha organización política nacionalista, e incluso con maior presenza que na actual, era de aguardar que se encetasen medidas que tendesen á restrición das touradas ou, cando menos, a atenuar a invasión de propaganda pública deste atavismo españoleiro. Mais non só non se leva a cabo esta limitación, se non que desde o concello se fai propaganda e se inclúe no programa de festas esta salvaxada.

Un dos obxectivos básicos desta plataforma antitaurina, e recollido nas nosas 6 demandas básicas, está o da “supresión das touradas como reclamo turístico por parte das institucións públicas”, así como “a erradicación do uso de espazos públicos para a promoción das touradas”. Na liña das nosas vindicacións, é inadmisíbel que no municipio de Pontevedra:

a) Se permita a colocación masiva de cartaces taurinos de grandes dimensións, con suporte metálico e atados ao mobiliario urbano, o que de facto non só supón unha invasión do espazo público e creación de novas barreiras arquitectónicas, se non que resulta antiestético e , o mais importante, fai promoción dun atavismo execrábel como son as touradas. Aínda pior: denunciamos o dobre raseiro que existe ao impedir en numerosas ocasións que colectivos sociais colen cartaces pola cidade, con identificacións policiais incluídas, mentres se lexitima e se permite a propaganda taurina.

b) Se apresente publicamente un programa de festas que faga proselitismo dunha actividade privada realizada pola empresa “Plazas y Toros S.L”, aínda por riba consistente no maltrato sádico e posterior execución de 24 touros durante 4 días que durarán as touradas. Ademáis, colócanse pola cidade adiante monolitos publicitarios das festas cunha destacada presenza da “Feria Taurina” (iso sí, en perfeito galego normativo, vaia contradición), normalizando e naturalizando a sú celebración.

c) Non se teñen iniciado medidas tendentes á erradicación das touradas da nosa cidade, que transmiten unha pésima imaxe e contribúen ao desprestixio de Pontevedra, única cidade galega recoñecida por ter unha praza de touros estábel. A cobertura institucional permite a continuidade e lexitimación da barbárie taurina.

Para rematar, gostaríanos remarcar a evidente contradición na que cae, ano tras ano, o goberno municipal da nosa cidade. Mentres remarca o seu suposto perfil ambientalista e se afana por sacar a Ence da Ría, recuperar as beiras do Lérez e o río Gafos e se preocupa pola situación do marisqueo, non teña en conta que no centro da cidade se matratan e asasinan impudicamente 24 touros nas Festas da cidade nun lamentábel espectáculo onde o sadismo e a exaltación masiva do derramamento de sangue e da tortura taurina son os protagonistas.

Así mesmo , reclamamos as pertinentes explicacións por conter os cartaces taurinos a expresión “patrocina Exmo. Ayuntamiento”, pois descoñecemos se é algo recorrente e se limita á simples autorización de festexos e presenza no programa de festas ou podería incluír algunha vía de complicidade económica, en cuxo caso esiximos desde xa  a súa paralización imediata.

Aínda é tempo de rectificar e camiñar cara á designación por parte do concello da nosa cidade como “Amiga dos Animais” e polo tanto antitaurina, como xa fixeran mais de 60 concellos en Catalunya e Canarias. A responsabilidade das institucións na pervivencia das touradas é evidente, e seguirémolo denunciando publicamente até que non se interrompa.

A recollida de firmas que encetaba a plataforma o pasado sábado xa contén varios centos no pouco tempo que polo de agora permaneceu a mesa na Praza da Peregrina. É de presumir que moitos mais pontevedreses se vaian unindo á vindicación anti-taurina, pois xa estamos cansos de ano tras ano aguantar a exaltación do maltrato animal sen que as institucións non só non impidan a súa celebración, se non que se encirren en facerlles propaganda e financialas.

Non se pode aducir que haxa unanimidade na cidade no tocante ás touradas. A Plataforma sabe que miles de pontevedreses arrenegan do asasinato impúdico e con fin lúdico de touros e estamos seguros de que nun futuro próximo, e coa colaboración de todos, será posíbel a súa erradicación.

Chamamos pois, á mobilización para o día 9 de Agosto ás 19 horas na praza da Peregrina e a asinar na nosa folla vindicativa. Iniciamos un camiño que remata inexorábelmente coa fin das “touradas á española” na nosa cidade e non desistiremos até logralo.

STOP TOURADAS. PONTEVEDRA ANTITAURINA.

Pontevedra, 15 de Xullo do 2008.

Anúncios