Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

Xornada negra para raposos e ecoloxistas en Portomarín

Anúncios

As tensións entre os opositores á caza do raposo e os organizadores e participantes na Copa de España foron a clave da xornada. Membros de Verdegaia denunciaron por agresión a cazadores. Malia os intentos de boicot da vintena de asociacións ecoloxistas desprazadas até Portomarín, preto de 70 raposos foron abatidos durante a quinta edición da Copa de España de Caza do Raposo.

Desde primeiras horas da mañá ecoloxistas e cazadores botáronse ao monte, aínda que con motivacións completamente distintas. Nos enfrontamentos, resultou detido un dos membros da fundación “Equaanimal” por un suposto delito de resistencia á autoridade.

Os ecoloxistas empregaron dispositivos como altofalantes e bucinas para evitar a caza. Dende a plataforma “Matar por matar non” sinalaron que non existen argumentos que xustifiquen estes campionatos e solicitaron a Medio Ambiente a facer unha revisión dos plans cinexéticos.

Dende Verdegaia, o coordinador xeral da formación, Xan Duro, afirmou que “non sei exactamente cantas escopetas había, pero iso non era caza, era unha masacre”, lamentou.

“Ameazáronnos con pegarnos co fusil”, acusan dende Verdegaia
Xosé Antón Portela e Roi Seoage son os ecoloxistas que resultaron feridos do altercado entre os manifestantes e os cazadores. Ambos son membros de Verdegaia e, segundo relatou Roi Seoage a Europa Press, no momento dos feitos atopábanse no monte “vixiando aos escopetas para que non cazasen ilegalmente”.

“Levaban as armas cargadas polo camiño, a pesar de que non está permitido”, proseguiu Roi Seoage, “polo que lles sacamos unhas fotos”. Con todo, cando un dos cazadores apercibiuse disto, avisou ao resto da cuadrilla, que se encarou cos ecoloxistas, sempre segundo estes. “Insultáronnos, ameazáronnos con que nos ían a pegar co fusil, con que iamos ter problemas…”, recordou.

En metade da disputa, un dos cazadores, segundo explicou o propio Roi Seoage, agarrou a este polo pescozo coa man, e rabuñoulle, o que lle causou tres laceracións. “Ademais, seguiu ameazándome coa escopeta, sosténdoa polo canón, como querendo usala como un bate”, explicou.

vía: anosaterra

Anúncios