Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

“Isto non o vaias publicar que vas levar nos fuciños”

Anúncios

Os integrantes de Na Deriva, subiron á rede un video no que quedan demostradas as ameazas dos cazadores que acudiron a pasada fin de semana á V Copa de Caza de Raposo en Portomarín. O boicot, causante dos feitos, foi organizado pola plataforma Matar por matar NON e consistía en acompañar aos cazadores ás zonas de caza para unha vez alí, con pitos, bociñas e megáfonos como únicas armas, espantar os animais para impedir que fosen tiroteados polos competidores da copa. O saldo final: un ecoloxista detido, outro agredido e 69 raposos mortos.

O integrante de Verdegaia e de Na Deriva, Roi Seoage, resultou agredido por gravar coa súa cámara as ameazas que proferían os cazadores ao serlles impedida a caza. Tralos feitos, Seoage interpuxo unha denuncia contra os cazadores, na que afirma que “tentaron bater en min coas súas escopetas coma se o fixesen cun bate de baseball, rabuñáronme o pescozo e retorcéronme un dedo”, aínda que tivo que desprazarse até Palas de Reis para poder facela efectiva.

Segundo Roi Seoage, as cacerías son moi negativas, xa que a diferencia do que opina a Federación Galega de Caza, si inflúe na desaparición de comunidades de golpes, como xa sucedeu co lobo, que actualmente está desaparecido en moitas zonas de Galiza. “Coas batidas que abranguen diversos concellos están a dificultar a supervivencia dos raposos, é moi difícil que se recuperen, xa que en moitos casos eliminan aos especimes fortes, quedando só os febles, e propiciando que se espallen as enfermidades”.

A resposta dos cazadores

Pola súa banda, varios cazadores e canda menos tres presidentes de Tecor (Terreo cinexéticamente ordeado) da provincia de Lugo presentaron tamén denuncias polos supostos danos causados polos colectivos ecoloxistas nas sinalizacións dos cotos de caza. O presidente da Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón, sinalou tamén que os servizos xurídicos da Federación están a recabar informes e a analizar a posibilidade de presentar unha denuncia en nome da organización.

Anúncios