Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

564 millóns de euros das arcas públicas para as touradas

Anúncios

Según se desprende dun macro-informe elaborado pola fundación animalista “Altarriba“, as administracións públicas adican 564 millóns de euros anuais á subvención das touradas. Do estudo ficaron excluídas as axudas indirectas como a financiación aos gandeiros, subvencionados incluso con fondos comunitarios.

Asemade, anímase á cidadanía á obxeción fiscal e a vindicar perante as institucións públicas que o diñeiro dos contribuíntes non pode ir parar, baixo nengún concepto, a unha “festa” que consiste na violación flagrante dos dereitos animais, ademáis de constituír unha perversa forma de diversión.

Desde a nosa plataforma vimos denunciando o financiamento das touradas en Pontevedra por parte da administración, nomeadamente da Deputación de Pontevedra, que destina cuantiosas sumas á promoción do atavismo e da crueldade “en chave hispana”. Ademáis, cremos que o Concello non debería prestar nengún tipo de colaboración á empresa “Plazas y Toros S.L”, culpábel do martírio anual durante as Festas da Peregrina.

No noso país temos tristes exemplos, como o do Concello da Coruña , que aportou enormes sumas das arcas municipais durante anos co obxecto de inocular na sociedade un particular modo de entender a relación dos humanos cos animais. E todo pesia a completa apatía da cidadanía galega, sempre contraria a esta festa, como evidencia a ínfima implatación das touradas no país.

Casos como o de Noia, onde o novo goberno electo suprimiu as axudas ás touradas, animan as nosas vindicacións e fannos crer firmemente nunha Pontevedra comprometida cos dereitos dos animais, e contra a tortura inhumana e cruel que supón o lamentable espectáculo hispano das “corridas”.

Un atavismo que non pode ter continuidade no noso país, alleo por completo a unha tradición importada e españolizante que reúne aos sectores máis reaccionarios da nosa sociedade, responsábeis do holocausto anual de 60.000 touros. Todo para o divertimento duns “privilexiados”. E aínda haberá algún “intelectual” (*galego) que conciba a tauromaquia como “metáfora de la vida heroica”?

Anúncios