Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

As touradas en decadencia: adeus á “semana cultural taurina” de Pontevedra e ás touradas en Noia

Anúncios

Hoxe temos boas novas para as vindicacións anti-taurinas.

Segundo informa o Faro de Vigo na edición local de Pontevedra, este ano suspéndese a tamén “tradicional” Semana Cultural Taurina, que viña celebrando a Coordinadora de Peñas desde hai case 20 anos. Os motivos que alegan son a falta de fondos, escaso apoio institucional (pesia os xenerosos aportes da Deputación, que incluso permitiron unha viaxe á Finca-rancho dos donos da praza en Toledo) e mais a falta de coordinación entre “peñistas”. A suspensión xerou grande polémica e cruce de declaracións dentro da “afección” taurina de Pontevedra, un debate que alcanzou á páxina web da Coordinadora.

A semana, en opinión dos peñistas, suporía un “entretenimiento extra y orientaría a los más jóvenes a una diversión más sana y ofrecer alternativas al botellón. Esto a falta de otras iniciativas por parte del concello como sería un programa de actividades para peñas”.

Resulta paradoxal que unha semana adicada á reflexión e exaltación do maltrato animal tivese acollida na nosa cidade, e amosa de paso o concepto de cultura que manexan os amantes do martirio taurino. Mais, como eles propios confesan, “era como una xuntanza de antiguos alumnos de Los Escolapios. Los 20 ó 30 de siempre escuchando algunas conferencias interesantes (…) y tragándonos otros bodrios infumables“.

A segunda boa nova do día é a eliminación da “Feria Taurina de Noia”, logo de catro anos de sadismo cada verán, segundo informa vieiros.com.

Parabéns, por tanto á cidadanía de Noia por desterrar a exaltación da violencia e do maltrato animal do seu programa de festas. A continuación, reproducimos parte do comunicado da Plataforma Antitaurina de Noia:

“Os membros do colectivo Noia-antitaurina queremos agradecer á actual Corporación Municipal a valente decisión de non programar corridas de touros para estas festas, rachando así coa salvaxe tradición de maltrato animal que se viña desenvolvendo dúas veces por ano nesta vila. Temos a seguridade de que tal medida é amplamente apoiada por boa parte dos veciños e veciñas, que veñen amosando a súa boa acollida ás nosas anteriores campañas e ás levadas a cabo por outros colectivos locais. Desexamos que non sexa esta unha decisión temporal senón definitiva e animamos aos membros do Goberno a que continúen nesta liña que marca, sen dúbida, o progreso da nosa vila.

No tocante á nosa cidade, seguiremos loitando polo cese completo de axudas institucionais a este vergoñento show, tal e como xa sinalamos no manifesto antitaurino; sinaladamente contra a Deputación de Pontevedra, principal benefactora das touradas. Tamén seguiremos vindicando que o Concello deixe de publicitalas ou de alugar a praza para outros espectáculos, demonstrando aos Lozano que Pontevedra non é lugar para experimentos sádicos.

Tan só a presión social e o firme propósito desde as institucións por erradicar esta lacra rematará coa victoria do senso común sobre os que, sorprendentemente, sosteñen que desangrar un touro forma parte da súa atávica cultura.

Anúncios