Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

O debate sobre as touradas chega á prensa

Anúncios

E non sen polémica nen sen ameazas de accións xudiciais de por medio. Pero vaiamos por partes.

Primeiro foi un artigo nada belixerante e bastante correcto en canto á actividade de Pontevedra Antitaurina no “Galicia Hoxe”, onde se fixeron eco dos nosos principios:

“a plataforma preparou tamén un decálogo no que refutan, de xeito razoado pero contundente, os principais argumentos a prol da celebración taurina. “Deixa cartos, e tamén o tráfico de armas. É unha tradición, pero tamén o eran a escravitude ou os sacrificios humanos. Son un espectáculo, pero un que transmite e xustifica valores negativos, como o uso da violencia e o goce coa tortura”.

Logo, Manoel Santos, biólogo e columnista habitual de “Altermundo” e “Galicia Hoxe”, adicou palabras de apoio a Pontevedra Antitaurina no propio xornal, amosándose duro cos defensores do martirio de touros:

[…]a cousa ten un cheiriño algo fascista. E fascista debe ser cando a protesta pacífica dos activistas foi respostada primeiro co acoso policial -ninguén máis pega carteis en Pontevedra?- e despois cunha violenta acción, literalmente incendiaria, o día 11 contra o Centro Social A Revira, que entre outras cousas sérvelle de ágora aos antitaurinos do Lérez. Non é pois de estrañar que estes se sentan acosados, e sinalan polo miúdo -no referente ao asedio verbal- a un grupo de amantes dos matadores, a Peña 11. Un dos seus membros ten un blog (cesarabal.blogspot.com) moi clarificador. Tolerante el, deféndese das accións pacíficas dos antitaurinos con incongruencias como: “La Peña11 es una peña plural y libre que respeta todas las opiniones”. Non así todas as vidas, diría eu. Porén, do atentado non di ren. Supoño que o do día 11 e a Peña 11 é casual, que eu na cabalística créovos pouco.”

A editora de Galicia Hoxe, “El Correo Gallego”, non debeu quedar coa conciencia demasiado tranquila cando pasou claramente á ofensiva adicando nada menos que dous artigos ao tema. No primeiro deles ocúpanse de recordar o “glorioso pasado taurino de Pontevedra“, onde de paso trata aos taurinos pontevedreses como “aficción no demasiado entendida” e lembra algunha anécdota que intenta vestir de “glamour” a apoloxía do maltrato animal (algo bastante común nos media):

” Una de las corridas que más historia hizo en Pontevedra y que atrajo a más público extranjero fue la protagonizada el 11 de agosto de 1957 por Luis Miguel Dominguín, Antoñete y Solanito, que torearon morlacos portugueses de Palha. Se colgó el cartel insólito de “no hay billetes” (como ocurrió el pasado día 4), y a la fiesta asistieron famosos de Hollywood y de las mayores riquezas de la Marbella de entonces”

E noutro artigo, publicado no mesmo xornal español:

“Galicia siempre ha sido taurina.Pontevedra es nuestro coso emblemático. Uno ha visto ahí alguna de las mejores faenas de una vida entera. Tiene un ambiente consolidado, producto de un buen hacer centenario. Y eso, queridos amigos, se nota.”

A estratexia do Grupo Correo linda coa traxicomedia, mentres que o melodrama queda reservado para os cachorros taurinos do Partido Popular, que ameazan con accións legais a Manoel Santos simplesmente por saír a defender á Plataforma do acoso mediático, policial e mafioso do que foi obxecto. Primeiro foi a apoloxía e defensa do maltrato animal, agora a infamia chega até o ponto de censurar a liberdade de expresión.

Desde aquí queremos agradecerlle a Manoel Santos as súas palabras de alento, e ofrecerlle o noso apoio fronte aos que non aturan as voces discordantes. Foron os “amos da cidade” durante tanto tempo que se cren co dereito de impor aos demais as súas atávicas tradicións.

Pero xa haberá tempo para repasar a historia das touradas na Galiza e a exaltación españolista que representan desde a súa introdución, por parte de elites foráneas. A pretensión de facelas pasar por galegas denota, de paso, a concepción que teñen do noso país e do tipo de “cultura” que pretenden alentar.

Polo de agora, o debate foi encetado na prensa. Hai que levalo ás rúas e convencer á cidadanía que o maltrato e desangramento dun touro, por moitos ingresos que poida xerar, non pode ser tolerado en pleno século XXI. Mais haberá quen se empeñe en convencernos do contrario.

Anúncios