Coordenadora Antitouradas de Pontevedra

peña pro-taurina súmase á campaña de acoso contra a Plataforma

Anúncios

Peña pro-taurina súmase á campaña de acoso á Plataforma Antitaurina de Pontevedra

Desde hai dous días, o blogue dunha coñecida peña taurina, claramente posicionada ideoloxicamente, adícase a lanzar consignas e a difamar á Plataforma Pontevedra Antitaurina. No seu blogue pódense ler dúas entradas que fan referencia directa ás actividade da plataforma, vilependiando gratuitamente as nosas actividades e mesmo reproducindo unha foto onde se ve a varios membros de Pontevedra Antitaurina mentres camiñaban pola rúa, co simple obxectivo de criminalizar as nosas actividades e mesmo de amedrentarnos. Despois dunha campaña de acoso que culminou co atentado ao C.S. Revira, onde a Plataforma realiza parte das súas actividades, pasando polo boicote policial á pegada de cartaces e polo posterior arrincado destes, ademáis da rotura da faixa que penduraramos na Ferrería,

Ante este cúmulo de feitos, desde este blogue queremos expresar:

1) Entendemos que o blogue taurino é medio de expresión dunha peña taurina, que obviamos citar por mero respeito. De aí que entendamos que o contido nesta páxina expresa o sentir dun colectivo en particular a cerca da nosa Plataforma. Por tanto dirixirémonos directamente ao colectivo taurino.

2) A peña taurina insiste en nos asociar interesadamente co goberno municipal, unha grande mostra de desinformación e mentira gratuita, enunciada só co interese claro de falsear a realidade. Se, como parece, vista a análise pormenorizada que fan da nosa páxina, leron o manifesto antitaurino (ao que se pode acceder desde a barra lateral), poderán observar que a cantidade máis extensa de reivindicacións son adicadas ao Concello de Pontevedra, o cal é completamente incompatíbel coa afirmación de que estamos manexados por ninguén. Resulta incríbel que pretendan crear esta falsa asociación a partir dunha foto onde se insinúa que unha concelleira participaba das actividades da plataforma. Algo ridículo e fóra da realidade.

A Plataforma é completamente plural e independente, e a presenza de indivíduos e colectivos que a apoian non presupón a nosa supeditación a ningunha opción política ou organización en particular. Sería equivalente a presupor que as peñas taurinas dependen directamente da Deputación de Pontevedra e son manexadas ao gusto por un partido político en concreto. No entanto, desde a plataforma, non só nunca fixemos esta aseveración, se non que nos abstivemos de facer valoracións no tocante a este tema.

Por contra, o blogue da peña taurina ten expresado en innumerábeis ocasións a súa belixerancia con certas opcións políticas, non dubidando en insultar gratuitamente e calificar de “sectarios”, “siniestros”, “despreciables”, etc aos que si que pensan diferente a súa liña ideolóxica. Ademais, exerce como voceiro casual dun partido , posteando directamente as notas de prensa que emite e que apoia abertamente.

3) Desde o voceiro da peña taurina practícase unha dobre vara de medir, anti-democrátiva e mesmo perversa, acusando á Plataforma duns insultos inexistentes, xa que o epíteto “lacra” vai adicado a unha tradición (que nos cremos despreciábel) e non a un colectivo cidadán en concreto. Véxase a sutil diferenza entre enlazar no panel lateral, como se fixo: “a lacra das touradas” e non, como falsifican no blogue antes citado “a lacra dos taurinos”.

4 )Chegado a este ponto tamén hai que citar como, ao parecer, o redactor taurino repasou por completo o noso blogue, deducímolo da cita que fai a varias entradas. Non obstante, na súa redacción non houbo nen unha soa liña de solidariedade coa Asociación Cultural criminalmente atacada o venres pasado, logo de que uns descoñecidos lle prendesen lume, o que supón, de facto, un atentado. Un local, onde, efectivamente a Plataforma realiza parte da súa actividade, sen por iso estar supeditada a ninguén.

Resulta paradóxico que quen proclama aos catro ventos os seus valores democráticos non teña unha soa palabra de repudio ante un atentado contra a liberdade e contra a integridade física das persoas.

5) Desde o blogue preténdese acusar á Plataforma de anti-demócrata e conmínasenos a “seguir los cauces democráticos”. Eis de novo a contradicción, cando os membros da peña taurina organizaron unha protesta, con faixa incluída, diante do concello, sen que ninguén por iso os criminalizase ou lles faltase ao respeito.

Por contra, ocúltase interesadamente como se boicoteou a campaña anti-taurina,e mesmo se chega a relativizar o control policial do que fomos obxecto os membros da Plataforma, claramente atentatorio contra a liberdade de expresión. Basta con dicer que a esa mesma hora había máis xente colando cartaces pola rúa e tan só se recriminou aos anti-taurinos. Por que sería? Tamén se elude dicer que se arrincaron gran parte dos carteis que colaramos en días anteriores pola cidade adiante, de novo atentando contra a liberdade de expresión, e mais que se rachou e se descolgou a faixa que penduraramos na praza da Ferrería. Pero para eles a conducta “incívica” é a da plataforma antitaurina, nunca a propia ou a de terceiros.

Resulta sintomático que esta sexa a segunda faixa que se descolga en menos dun mes en Pontevedra, e que as dúas estexan relacionadas directa ou indirectamente coa asociación cultural nomeada. Hai unha campaña de persecución que chega á ameaza física.

Valerá esta nova faixa que desprenderon para provocar de novo un atentado, como se fixo o pasado venres? É algo que non sabemos, fica no entanto no universo da hipótese. Mais, de suceder de novo, temos moi claro que a peña taurina que nos vilipendia, calaría de novo, apoiando co seu silencio a acción criminal de quen pretende exercer a violencia contra os que reivindican de maneira cívica e pacífica a desaparición das touradas, tan só mediante unha campaña de información que consistiu en pegada de carteis e colgar unha faixa.

Que nos espera no futuro, se tanto a policía como os medios locais, os energúmenos que prenden lume ao discordante, e agora a peña taurina que apoia pola tanxente todo o anterior queren rematar coa nosa actividade?

No entanto, no seu blogue eles sosteñen ser as “víctimas” porque na páxina anti-taurina denominamos “lacra” á triste e sanguinaria pseudo-tradición das touradas na nosa cidade.

6) A inclusión de fotos no noso blogue é meramente informativa e non pretende acusar co dedo a ningunha persoa en particular, só exercer a lexítima crítica perante contra os poderes públicos que financian directamente este cruel espectáculo. No tocante á foto onde aparece a peña taurina en concreto, foi directamente copiada da súa propia páxina. Resulta insultante que aqueles que publican de maneira propagandística unha acción de protesta, en todo caso lexítima, pretendan que non se distribúa libremente pola rede. Para mais inri, aqueles que nos acusan de mostrar fotos propias, publiquen sen ningunha carga moral unha imaxe onde se ve claramente a varios membros da plataforma antitaurina camiñando pola rúa. Un feito lamentábel e que merece a reprobación de calquera demócrata, sobre todo cando vai acompañado dun texto onde se incrimina aos antitaurinos, se relaciona interesadamente con xente allea por completo á iniciativa, etc. Tamén publican un video de varias persoas facendo ruido ás tantas da mañá durante a anterior Feira Franca, e que segundo as súas palabras “denunciaron”.

Finalmente, desde este blogue convidamos aos colectivos e peñas taurinas a condenar enérxicamente o atentado que pretendía incendiar o centro social Revira. Tan só desta maneira lograrán amosar os seus valores demócratas, e deixarán de colaborar co seu silencio perante as ameazas físicas e a extorsión que se está iniciando nesta cidade, desvinculándose completamente destas accións criminais.

Porque cando se incrimina a un colectivo que pega cartaces e pendura unha faixa publicamente (e non con “nocturnidad y alevosía” como se cita no blogue) estase a sinalar co dedo, e moi ben puidera ser que mentres uns apuntan cal é o obxectivo, algúns outros se encarguen de “rematar a faena”. Por todo isto, estamos seguros, ninguén se levará as mans á cabeza até que haxa algún dano persoal e os medios locais se apresuren a incluilo en portada.

Se tiñan algún problema coa inclusión dunha foto na que se apreciaba detrás do disfraz a algún dos seus membros, o lóxico tería terse posto en contacto co web-master do blogue da plataforma e solicitar a súa exclusión. Así obraría un demócrata convencido. Non obstante, é moito máis doado facerse pasar por víctima e facer propaganda taurina a costa da actividade sincera e construtiva dunha plataforma como é a nosa.

O que en nengún caso se nos pode pedir é que renunciemos a unha campaña antitaurina para nós xusta e necesária para abrir o debate entre a sociedade pontevedresa. Por tanto, que a peña taurina reflexione e poña en práctica a súa própia frase “somos los primeros que respetamos a todo el mundo y disfrutamos de las Fiestas de nuestra ciudad”.

Anúncios